O conto · galego · versión só texto

Érase unha vez un proxecto Open Source

Texto e ilustracións: Andrea Magán Rey

Dedicatoria

Para quen ten un proxecto nun caixón agardando a ser liberado.

Érase unha vez un proxecto Open Source

Texto do conto tal como aparece na primeira edición en galego (2026). Os comentarios `` marcan a páxina do libro onde empeza cada fragmento; serven para cotexar coa maqueta e para traducir.

Érase unha vez unha gata que se chamaba Teky.

Era unha gata feliz, pero non tiña un sitio quentiño onde durmir.

Unha noite especialmente fría, cansa de buscar un recuncho que non existía, atopou uns cartóns amoreados detrás dunha tenda do pobo.

Cortounos con coidado, dobrounos e pegounos, peza a peza, e construíu unha caixa.

Non era perfecta, pero era súa e era quentiña.

Esa noite, Teky durmiu dun tirón por primeira vez en moito tempo.

O día seguinte, un gatiño curioso pasou por alí e quedouse mirando a caixa abraiado.

—Fasme unha igual? —preguntoulle.

Teky, sen pensalo moito, dixo que si. Pareceulle bonito que algo que fixera para ela mesma servise tamén para outro.

Pero entón comezaron os líos.

Milo, un gatiño branco e gris de bigotes longos e mirada pícara, copiou os planos da caixa e púxose a vender caixas na súa gateira a cambio de latas de atún.

Nina, unha gatiña negra de orellas sempre alerta, colleu os mesmos planos, cambiounos á súa maneira sen preguntar moito, e ao primeiro salto dentro da súa caixa nova, todo se veu abaixo cun rachar seco.

Teky quería compartir o seu descubrimento con todo o mundo, tivese ou non latiñas que ofrecer. Que Milo a mellorase e a vendese non era problema: para iso a compartira.

O problema era que só lle recoñecían a idea cando algo ía mal.

Se todo funcionaba, a idea era deles.Teky entendeu que dicir «si, claro, cóllea» non chegaba. Facía falta algo máis se de verdade quería axudar a outros gatiños

Así que Teky foi ver a un moucho que vivía na árbore máis alta do pobo. Chamábase Licencio.

Tiña un ollos grandes e atentos detrás dun anteollos redondos. Cando falaba, facíao amodo, coa solemnidade de quen leu máis normas das que ninguén querería ler nunha vida enteira.

—Necesito algo que diga como se poden usar os meus planos —díxolle Teky— para non ter líos.

—Se non hai nota, ninguén ten permiso —respondeulle Licencio. Iso é o que case todo o mundo entende ao revés: pensan que sen nota vale todo. E non. Sen nota non vale nada.

Licencio escoitouna con calma, e levouna ata un andel que ocupaba unha parede enteira da súa árbore, a rebordar de distintas notas, enroladas, amoreadas, clasificadas por cores que só el entendía.

Pero ao ver que Teky empezaba de cero, non a abrumou con todas: ensinoulle só tres, as que case todo o mundo usaba para empezar.

A primeira dicía: «Fai o que queiras cos planos: cópiaos, cámbiaos, fai caixas e vendeas. Só tes que deixar esta nota pegada neles, para que se saiba de quen saíron.» Esa era, a MIT.

A segunda dicía: «Fai o que queiras cos planos, incluída vender as caixas que fagas con eles. Pero se lle pasas a alguén unha caixa feita así, tes que darlle tamén os planos, coa mesma nota, para que poidan ver como está feita, e refacela se queren.» Así funciona a GPL.

E a terceira: «Fai o que queiras cos planos, igual que na primeira. E se hai algunha peza ou truco que normalmente precisaría permiso especial de quen a inventou, con esta nota xa o tes, para que ninguén cho poida reclamar despois.» Esa é a Apache.

Teky leunas amodo, unha por unha, e escolleu a segunda.

Quería que calquera puidese facer o que quixese cos seus planos: cambialos, construír caixas con eles, vendelas coma Milo, sen que iso fose un problema, pero sen esquecer de onde saíran e que outros puideran ter os planos.

E quería tamén que, se alguén cambiaba os planos á súa maneira e despois algo saía mal, coma lle pasara a Nina, a culpa non fose súa.

A nota resolvía as dúas cousas á vez.

Pegouna ben visible nos planos xusto onde non se lle puidese escapar a ninguén que os mirase.

Os gatiños comezaron a contarlles aos seus amigos, paxaros, ratos e outros animais do bosque o quentiña que era a caixa de Teky, e pouco a pouco todo o pobo comezou a querer unha.

Teky levou os seus planos, coa nota de licenza ben pegada enriba, ata o taboleiro de anuncios da praza do pobo

Era o sitio ao que todo o mundo ía mirar e, de paso, copiar ideas. Cravounos con coidado, quedou mirándoos un intre satisfeita, e pensou que xa estaba, o traballo estaba feito.

Pero pasaron os días e ninguén se paraba a miralos. O taboleiro estaba cheo de papeis de todo tipo, uns enriba doutros, e os seus perdíanse entre o resto coma unha pinga máis na fonte da praza.

Ninguén sabía que alí, debaixo de tanto papel, había algo novo agardando.

Triste, Teky sentou no bordo da fonte, e alí atopouse co seu amigo Tui, un paxariño azul brillante que xamais conseguía estar quieto nin un segundo. Tui voaba de póla en póla, pousábase, volvía voar, sempre con algo que dicirlle a alguén.

—Se non o contas, ninguén vai saber que existe —díxolle Tui.

E sen agardar resposta, botou a voar ata a póla máis alta da árbore da praza. Desde alí, co bico ben aberto e as ás despregadas, púxose a piar sen parar, tan forte e tan seguido que a noticia correu de bico en bico por todo o bosque en cuestión de horas.

—Planos novos, acabadiños de saír do cartón! Caixa quentiña, cómoda, de luxo! E hoxe, só hoxe... de balde!

Só entón a xente comezou a achegarse á praza, curiosa, a ver de que falaba tanto aquel paxariño.

Moitos, ao chegar, quedaban mirando para os planos sen saber moi ben por onde comezar. Como se montaba exactamente? Para que servía cada peza? A quen lle preguntaban se algo non encaixaba? Aí, Teky aprendeu outra cousa: colgar os planos e facer que alguén se enter non chegaba.

Se quería que calquera puidese construír a súa propia caixa sen axuda, necesitaba engadir unhas instrucións claras.

Esa mesma tarde sentou a escribilas, a toda présa, coa letra cada vez máis apertada e as ideas atropelándose unhas ás outras.

O resultado foi... ben, digamos que nin ela mesma se aclaraba de todo ao relelas.

Pero era un principio, e os principios, por imperfectos que sexan, serven para poder mellorar despois.

Pouco a pouco, outros animais do bosque fóronse achegando, planos e instrucións tortas na man, dispostos a montar a súa. E, sen que ninguén llelo pedise, algúns comezaron a botar unha man tamén coa caixa orixinal de Teky.

Pico, un peto de vermello e negro clásico, sempre directo ao gran, reforzou unha esquina que se dobraba co vento sen pedir permiso nin dar explicacións: simplemente viu o problema e arranxouno.

Ocre, un esquío de rabo grande e esponxoso con bo ollo para o bonito, pintou unhas sinais de cores para que se vise mellor por onde se entraba na caixa.

Dique, un castor precavido que levaba sempre unha libretiña enriba para apuntar que , avisou de que a caixa non aguantaba ben a auga cando chovía forte, mellor sabelo antes de que fose un problema serio que despois—.

Babel, un papagaio de cores vivas e moi xesticulante, traduciu as instrucións a outro idioma do bosque, para que quen non entendese o primeiro puidese entendelas igual.

Gardián, un porco espiño coas púas sempre alerta e un sombreiriño branco calado ata as cellas, repasou cada recuncho da caixa buscando furados e fendas por onde se puidese colar alguén non convidado, e rematou con un pecho para evitar maleantes.

Cada un achegou unha cousa pequena do que sabía facer, sen que ninguén llelo pedise. Teky decatouse de que non tiña que saber de todo, ni que todos soubesen facer o mesmo ca ela:

cada axuda, por pequena ou invisible que fose, facía a caixa un pouco mellor.

Bandido, Lúa e Fozas. Unha tarde, un grupo de mapaches co seu antifaz natural que os facía parecer trastes sen selo de todo, achegouse a mirar a caixa de Teky con moito interese.

—Gústanos moito—dixo Bandido suxeitando algo brillante entre as patas— pero nós entramos sempre pola parte de atrás.

Así que, sen pedirlle permiso a ninguén nin facer ningún dano, fixeron unha copia dos planos e foron experimentar pola súa conta, á súa maneira, co que a eles necesitaban. Pintaron a súa caixa de azul noite con estrelas, puxéronlle luces, cavaron un par de túneles secretos, engadiron unha trampela traseira e, por suposto, un caixón enteiro só para gardar cousas brillantes.

Tras unhas cantas semanas experimentando, volveron ver a Teky. Non para pedir nada, senón para propoñerlle dúas ideas que descubriran polo camiño: un peche magnético para que a porta non se abrise co vento, e unhas luciñas pequenas para poder ler de noite sen molestar a ninguén.

Teky decatouse entón de que copiar os planos non fora nada malo.

Cando se copia para facer algo distinto, pódese experimentar sen romperlle a caixa a ninguén, e ás veces esas mesmas ideas acaban mellorando tamén a caixa orixinal.

No verán, a caixa de Teky xa era famosa por todo o bosque. Había caixas nas árbores, caixas escondidas nas covas, caixas nos tellados. Cada animal fixéraa un pouco súa. Pero había un problema:

cada vez que algo fallaba, TODO o mundo acababa mirando para Teky.

Ela non daba abasto respondendo dúbidas ela soa, a todas horas, para todo o bosque. Así que unha tarde colgou, xunto aos planos xa case gastados de tanto copiarse, un cartel novo que dicía: «Búscase axuda.»

E funcionou mellor do que agardaba: á mañá seguinte xa había tres animais novos dispostos a botarlle unha man. O problema era que ningún sabía moi ben por onde comezar, e as dúbidas de todos —vellos e novos— seguían chegando amoreadas, notiña sobre notiña, no mesmo taboleiro desde onde Tui anunciara a caixa tempo atrás. O taboleiro, desbordado, empezaba a parecer máis un lío que unha axuda.

Foi entón cando apareceu Norma, a formiga, sempre cun portapapeis baixo o brazo e unha gorra de capataz un pouco grande para o seu tamaño.Norma mirou para o taboleiro, mirou para as notiñas amoreadas, e decidiu que aquilo necesitaba orde. Colleu as peticións soltas e organizounas en columnas claras: «listas para empezar», «necesitan máis mans», «xa en marcha».

E escribiunas en notas de cores para que calquera puidese saber dunha ollada que se necesitaba sen ter que preguntarlle a ninguén.

Babel, Dique, Pico... e outros animais que levaban xa un tempo botando unha man podían coller un rotulador e marcar as notas que ían chegando, para que os demais soubesen por onde empezar sen molestar a Teky no medio da súa sesta.

Tamén deixaron un pequeno buzón, reservado para avisos urxentes ou delicados que non conviña deixar á vista de todo o bosque.

Co tempo, outros animais seguiron chegando ao pobo con ganas de montar a súa propia caixa, pero Teky xa podía quedar durmindo tranquila ao sol sempre que quixese.

A primeira caixa foi de Teky. Pero, co paso do tempo, a caixa acabou sendo de todos os que puxeran algo de si mesmos nela.

Teky, vendo para a súa caixa xa chea de pegadas alleas, comprendeu que facer un proxecto aberto nunca fora só deixar os planos na praza. Fora poñerlle unhas normas claras, contarllo ao resto do pobo, e deixar que outros a tocasen, a arranxasen e, pouco a pouco, a fixesen tamén súa.

E colorín colorado, este conto está contado.

Do pobo ao proxecto

O que empezara como unha caixa de ideas de Teky, co tempo, foise convertendo nun proxecto aberto. Aquí podes ver como se parecen.

No contoNo proxecto
TekyA persona creadora
A caixaO proxecto
Os planosO código fonte
LicencioAvogado ou asesor.
A NotaLicenza do proxecto — LiCENSE.md
O taboleiroPlataforma de publicación (Gitlab, Github..)
As instruciónsReadme.md
TuiDifusión do proxecto. Redes, boca orella, eventos...
As contribuciónsIssues,PRs,bugs,tests,deseño,docs, reviews,traducións...
Todo o poboComunidade madura, gobernanza compartida
Os carteisNormas de uso e comportamento — CONTRIBUTING.md e o CODE_OF_CONDUCT.md.
Gardian e o buzónReportar vulnerabilidades. — SECURITY.md
Os mapachesUn fork do proxecto

Agradecementos

Grazas a quen algunha vez compartiu algo pequeno sen agardar nada a cambio.

A quen construíu a súa primeira caixa soa, sen agardar que outros a estaban agardando.

A quen me acompañou no camiño e me axudou para sacar a luz este proxecto.

E a ti, que chegaches ata aquí. GRACIÑAS de corazón.

Contraportada

Este conto comezou como unha charla para explicar o Open Source sen tecnicismos, e rematou converténdose en algo que quería moito máis: un libro que puidese lerlle a quen aínda non sabe que é un repositorio, pero si sabe o que é compartir algo que fixo con agarimo.